Inicio Centro de atención cidadá Convocatorias Participa na iniciativa "Carballo dende a...

Participa na iniciativa "Carballo dende a túa ventá" nas redes sociais de Turismo Carballo

Dende a Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Carballo convidamos a todos os carballeses e carballesas a que compartan nas nosas redes sociais o que ven dende as súas ventás, balcóns, terrazas, xardíns ou mesmo eiras para axudarnos a todas e todos a levar mellor estes días de confinamento na loita contra o COVID-19. O obxectivo da iniciativa, titulada Carballo dende a túa ventá, é animar ás veciñas e veciños, coñecer mellor cada recuncho do noso concello, descubrir novas paisaxes e puntos de vista e tamén, por que non, pasar o tempo nestes días difíciles.

Coa foto, convidámosvos a engadir un pequeno texto que non supere os 280 caracteres (os máximos contidos nun tweet) contándonos como estades levando o confinamento, como vos sentides, o que vos inspira a paisaxe dende a vosa fiestra… o que queirades. Animámosvos a ser creativas e creativos, tanto coas imaxes como cos textos que as acompañen. Poderedes gañar un xantar/cea nun local de Carballo!

Facernos chegar as vosas fotos é moi sinxelo:

  • Ou a través de WhatsApp no número de teléfono 698156402
O prazo está aberto até o 10 de maio e será necesario que tamén nos facilitedes o voso nome completo. Seleccionaremos as mellores imaxes e textos para subilos nas nosas redes sociais (Facebook, Twitter e Instagram) mencionando ao autor ou autora co hashtag #CarballoDendeATúaVentá e así ir construíndo pouco a pouco un mural da realidade que vivimos estes días.

Ademais, cando todo isto pase, organizarase unha exposición cunha selección das mellores imaxes e textos e  tamén se realizará unha publicación con esta selección para deixar testemuño das contribucións da cidadanía. A organización resérvase o dereito de non publicar / eliminar todas aquelas imaxes que non sexan acordes co obxectivo do proxecto. 

Por último, todas as persoas que nos envíen as súas propostas (imaxe + texto) e os seus datos por enderezo electrónico e por WhatsApp entrarán no sorteo de 10 xantares/ceas en establecementos de Carballo que poderán desfrutar cando todo volva á normalidade.

Compartir: