Presentación

O Concello de Carballo impulsa o turismo sustentable a través do proxecto “Eu quero Razo-Baldaio”

Presentación Eu Quero Razo-Baldaio

Unha ruta cultural abriu o 3 de xullo de 2019 a primeira edición da campaña “Eu quero Razo-Baldaio”, unha iniciativa enmarcada no proxecto “Eu quero a Carballo”, dentro do cal se desenvolveron distintas accións para promover o turismo sustentable. Deste xeito, buscouse que o litoral carballés fose protagonista dunha serie de actividades para todos os públicos nas que contamos coa colaboración das entidades naturalistas Senda Nova, Hábitat e Adega.

Todas as actividades foron de balde, e incluíron rutas culturais, xeolóxicas ou interpretativas de especies coma a píllara das dunas, observacións ornitolóxicas, obradoiros de biodiversidade, saídas nocturnas, retirada de especies invasoras e xornadas de limpeza dos areais, bioblitz nas micro-reservas de flora, creación de micro-reservas ou un obradoiro de cestaría no que as persoas participantes realizaron unha actuación en vimbios sobre unha figura deseñada polo obradoiro carballés “Artesán” e Idioa Cuesta.

Unha píllara de ferro e vimbio que se converteu no símbolo do turismo sustentable polo que apostamos no noso litoral

A Explanada é o punto de encontro entre Razo e Baldaio, e por iso foi tamén o lugar escollido para a instalación dunha píllara de ferro e vimbio que non so se converteu no símbolo da campaña “Eu quero Razo-Baldaio”, senón tamén do turismo sustentable polo que apostamos dende o Concello de Carballo para o noso litoral.

Unha vez completado o traballo realizado por un numeroso grupo de veciños e veciñas de todas as idades no obradoiro de cestaría impartido por Idoia Cuesta para cubrir con vimbio o “esqueleto” de ferro deseñado e construído polo artesán Fabián Lage, a píllara trasladouse ao seu hábitat.

Tanto Fabián Lage coma Idoia Cuesta, que ademais de artesá é bióloga, destacaron a importancia de “concienciar á xente sobre a importancia de recoller o lixo”, tal como explicou o escultor. A súa compañeira de proxecto destacou, ademais, o traballo colaborativo que se levou a cabo, e aproveitou para reivindicar “a protección do ecosistema dunar e toda a contorna do litoral”. A píllara vai contribuír a ese obxectivo, porque ademais dunha escultura fantástica é un “colector” de envases de plástico.

“Elixiuse un animal icónico desta zona, combinando tanto a importancia do coidado desta especie coma das praias”, explicou o concelleiro Miguel Vales, que louvou o traballo dos artistas e tamén da veciñanza. Os parabéns para todas e todos tamén chegaron por boca do alcalde, que apelou á responsabilidade colectiva co medio ambiente. “O planeta temos que salvalo entre todos, e ou tomamos conciencia colectiva ou as agresións que se están facendo continuamente ao medio natural serán un grave problema”, insistiu Evencio Ferrero, que ademais animou aos usuarios das praias a utilizar os colectores e a respectar o hábitat natural das píllaras de verdade.

Ligazóns

Descargas



Galería

Compartir: