Cultura

Cultura

- 2019 +
- Setembro +
L
M
M
X
V
S
D
 
 
 
 
 
 
1
2
3
4
5
6
7
8
9
10
11
12
13
14
15
16
17
18
19
20
21
22
23
24
25
26
27
28
 
 
 
 
 
 


[Pazo da Cultura]
Rúa do Pan, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 300 
Fax: 981 704 302
cultura@carballo.gal

Carmen Maura, a Companhia do Chapitô, Jauría e o teatro galego, pratos fortes da 28ª edición do FIOT

A presentación do programa no Pazo da Cultura provocou moitísima expectación

Mércores 11 de setembro do 2019

Jacobo Sutil, Alberto Sueiro, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Luciano Calvo

Jacobo Sutil, Alberto Sueiro, Evencio Ferrero, Xosé Regueira e Luciano Calvo

Este outono Carballo convértese, un ano máis, na capital galega das artes escénicas. O 28º Festival Internacional Outono de Teatro regresa entre o 27 de setembro e o 1 de novembro cun cartel extenso e diverso, que concentra 38 espectáculos, dos cales 9 son estreas absolutas e 8 estreas no país, coas propostas máis interesantes da carteleira teatral actual, e no que teñen cabida tanto creadores de renome coma novas xeracións de artistas. Carmen Maura, Teatro Kamikaze, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Tito Asorey, Carolina Román, Álvaro Tato ou a Companhia do Chapitô formarán parte dunha edición que achegará ao público, de novo, o máis relevante da escena galega e estatal contemporánea, ademais de propostas internacionais chegadas de Portugal e Israel.

A actriz Patricia de Lorenzo, de Chévere, recibirá o galardón Xograresa de Outono como recoñecemento á súa destacada contribución ao desenvolvemento do teatro galego.

Alumnos da Escola de Teatro Municipal introduciron o acto cunha breve representación

Alumnos da Escola de Teatro Municipal introduciron o acto cunha breve representación

O Pazo da Cultura acolleu hoxe a presentación do FIOT, introducida por unha breve peza en defensa do teatro, levada a escena polos alumnos da Aula de Teatro Municipal e logo conducida polo xornalista de raíces carballesas Luis Fraga. Participaron o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Promoción Económica e Turismo e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o Director da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil; o presidente da asociación Telón e Aparte, Alberto Sueiro, e o presidente da Fundación Luis Calvo Sanz, Luciano Calvo.

“Ata que chegue a vixésimo novena edición, a deste ano é seguro a mellor edición do FIOT”, bromeu Sueiro. “O FIOT ten que estar á altura da súa traxectoria, que nos valeu o Premio da Cultua Galega das Artes Escénicas, o premio ao Galego do Ano que outorga o Padroado Fogar de Bergantiños, ou ser recoñecidos como un dos dez eventos culturais máis importantes de Galicia, entre outros prestixiosos galardóns”.

Luciano Calvo, con Luis Fraga

Luciano Calvo, con Luis Fraga

Luciano Calvo quixo restar importancia á transcendencia que ten o patrocinio da Fundación Luis Calvo para o FIOT e para a cultura e o deporte carballeses: “Sen a nosa fundación o FIOT seguiría funcionando igual porque Carballo é un pobo moi solidario, artellado por un tecido asociativo extraordinario, non hai máis que ver a enorme cantidade de entidades que apoian e se involucran nas innumerables manifestacións culturais e deportivas que se organizan no concello, sempre coa complicidade dos veciños, que enchen teatros, pavillóns, rúas e prazas”.

Para Jacobo Sutil, que o FIOT acadase o Premio da Cultura Galega “ten como responsables a todos os que están hoxe aquí, organizadores e público”. “O a Xunta, o FIOT é, unha parte fundamental do sector escénico porque teñen capacidade para difundir as producións propias pero tamén a capacidade de mostrar o que se está facendo no resto de España e mesmo fóra de España”, engadiu.

Xosé Regueira recoñeceu a influencia do FIOT na súa educación en teatro: “Pódelle agradecer a Telón e Aparte e ao Concello de Carballo que me educasen en teatro; moitos fomos medrando e aprendendo cultura e teatro grazas a festivais como o FIOT”. “Cando chegamos a una institución pública como a Deputación da Coruña e vemos que o noso festival é un dos eventos culturais máis valorados, para nós é motivo de orgullo e de fachenda”. “O FIOT para Carballo representa unha marca, un compromiso coa cultura e un dos eventos que fai que a nosa vila destaque por cuestións en positivo”, rematou.

“Para todas as persoas que aquí decidimos vivir”, afirmou Evencio Ferrero, “o FIOT é continuidade, é frescura, é ilusión, é ganas de aprender e de emocionarse, de convivir e de sentir orgullo de ser carballés”. “Temos -engadiu- moitos motivos para desfrutar do FIOT, e, como cada ano é o mellor, este ano gozaremos do mellor FIOT”.

#MIRADASFIOT

O Outono de Teatro, organizado pola Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, achegará á cidadanía múltiples propostas de dinamización cultural, como exposicións, encontros con artistas, teatro de rúa, microteatro e Dálle un bocado ao FIOT, un circuíto gastronómico de inspiración teatral para gozar das mellores tapas, logo de cada función, nos bares de Carballo.

O FIOT 2019 porá o foco no teatro social e sitúa o feminismo, as periferias e os colectivos que a sociedade mantén as marxes no centro da súa acción baixo o paraugas das #MIRADASFIOT. As propostas máis singulares e vangardistas chegarán da man dos ciclos Micro-escenas Metro Cadrado e OTNI, que ten no israelí Kulu Orr e na peza A.K.A (Also Known As) dúas propostas destacadas; mentres que a programación xuvenil fioTEEN acollerá a estrea en Galicia da gañadora do Premio Max ao mellor espectáculo xuvenil Dados, de Padilla e Ventrículo Veloz.

Carlos Blanco e Rodrigo Cuevas serán protagonistas da irreverente programación da Rúa dos Contos, o ciclo de narración oral que encherá de humor e ironía os locais de hostalería e o mercado municipal con máis dunha ducia de espectáculos.

Dentro das actividades paralelas están as dedicadas ao público infantil, o Fiotiño, que inclúe o XIX Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, no que as nenas e nenos dos centros escolares da comarca levarán o teatro aos fogares de Bergantiños a través das ondas da radio.  Sen esquecer Escena Norte Idea Carballo, unha xornada profesional en colaboración con Escena Galega; a Escola do Espectador, unha iniciativa que pretende facilitar ao público novos xeitos de achegarse ao teatro; os encontros Café con..., nos que os espectadores e os grupos teatrais poderán conversar arredor dos procesos creativos das compañías; ou a presentación e lectura dramatizada da obra Habitada, da carballesa Olivia Pena, que terá lugar o 25 de outubro.

Foto de familia

Foto de familia

Descargas

Compartir: